Friday 29 de March de 2024

Ordes investirá máis de 420.000 euros no POS 2015


No pleno de onte tamén se acordaron medidas de apoio para o sector leiteiro e para o mantemento do programa Preescolar na casa

O Concello de Ordes deu onte luz verde ás obras do POS 2015. Un investimento que supera os 420.000 euros acordado no pleno que tivo lugar onte grazas aos votos favorables do equipo de goberno (UXO) e CIDEGA, mentres que as restantes formacións se abstiveron. No caso do PSOE a decisión baseouse na non inclusión no plan da N-550 no seu paso por Fosado e no tramo da vía que une as parroquias de Lesta con Mercurín. Pola súa banda o BNG criticou a inclusión de proxectos “que non son urxentes”, acusando de “electoralistas” moitas das intervencións. O alcalde explicou que “se trata dun plan que presta especial atención a todas as parroquias e ao ámbito rural, xa que o POS anterior se aplicou na maior parte ao casco urbano”.
Por unanimidade aprobouse o refinanciamento da operación de endebedamento para o pago de provedores, o que suporá un aforro de máis de 400.000 euros para o ente local. Unha medida que se traduce nunha redución na porcentaxe dos intereses que pasan de estar por riba dun 5% a non chegar ao 1%.

No apartado de mocións o PSOE conseguiu o compromiso municipal para o mantemento do programa Preescolar na Casa, cun financiamento económico no que contribuirá o Concello para o seu desenvolvemento no eido rural. Aínda así instarase á Consellería de Educación a achegar a totalidade dos fondos necesarios para iso e acusou de “contraditoria a actitude da Xunta que fala de implantar mozos e mozas no rural e despois restrinxe e anula servizos en áreas tan importantes como a educación”. Silvia Marín, tenente de alcalde, asegurou que nos orzamentos vindeiros se dotará dunha partida para iso, alegando unha vez máis “a prioridade adquirida nas políticas sociais e educativas” por parte do Concello de Ordes. Na votación final todos apoiaron a medida, agás o PP, que se abstivo defendendo a prioridade de investimentos nos centros de educación Infantil e Primaria.
Outro punto presentado polos socialistas e cun resultado favorable foi a posta en marcha de medidas “realmente eficaces” para as explotacións gandeiras tras a desaparición do sistema do cotas lácteas a partir de 2015. Os socialistas tildan ao sector de “vital e estratéxico” para a economía da comarca. Avogan por unha duración mínima de 12 meses nos contratos cos gandeiros subministradores de leite, garantir un mínimo de entrega que non descenda do nivel rexistrado no ano anterior, a figura dun mediador independente para as negociacións entre as partes, aumentar a superficie agraria útil das explotacións en 400.000 hectáreas ou o apoio institucional no proceso de concentración de industrias lácteas entre outras. A pesar da negativa do BNG e as abstencións de CIDEGA e PP, a moción prosperou.
A última demanda do PSOE facía referencia á pobreza enerxética. Demandan habilitar unha liña de axudas por parte da Consellería de Economía e Industria que garanta o servizo nos fogares con menos recursos. Unha medida englobada no ámbito das políticas de benestar social cun período de aplicación que vai dende o 1 de novembro ata o 31 de marzo. Os votos a favor do goberno e de CIDEGA avalaron a súa aprobación.
No caso do Bloque Nacionalista Galego ningunha das súas propostas convenceron aos restantes membros da corporación. Solicitaban tanto a modificación da ordenanza municipal reguladora das terrazas, como o estudo da instalación de novos aseos nos baixos da Alameda. Neste último caso argumentouse a non necesidade diso xa que o uso actual deste espazo é provisional á espera de rematar as obras do antigo Concello.
Ante a demanda de executar unha partida de 30.000 euros na piscina municipal Iván Raña, Silvia Marín foi a encargada de indicarlle todas as obras levadas a cabo con eses cartos (arranxo de fugas no habitáculo da maquinaria da piscina, instalación de portas, compra de material para socorristas e cursos, instalación de aire acondicionado na zona de cardio e na sala de máquinas e pesas ou labores de mantemento entre outras). A tenente de alcalde tamén adiantou que está prevista unha segunda fase de intervención na que aínda non se concretou a dotación económica e na que se pretende a ampliación dalgunhas zonas onde se desenvolven actividades con moita demanda.